Tuesday 16 de April de 2024

As obras de ampliación da Avenida da Deputación no Polígono de Sabón, en Arteixo, fan necesario un corte de tráfico a partir do martes


― O corte producirase no tramo da avenida da Deputación que discorre entre a glorieta da ITV e a rotonda da avenida Arsenio Iglesias

― O peche de circulación será desde as 8 horas do martes e prevese o restablecemento do tráfico para o día 26 deste mesmo mes

― Preavisarase do corte a 300 metros e facilitaranse itinerarios alternativos, mentres se manterá un itinerario peonil

― O obxectivo da restrición é garantir a seguridade dos traballadores para executar varias escavacións na zona e poder avanzar nos traballos

― A Xunta mantén a previsión de ter rematada no verán esta actuación integral, que supón un investimento autonómico de máis de 6,3 M€ e desdobra os carrís para gañar fluidez no tráfico

As obras de ampliación da capacidade da avenida da Deputación, no polígono industrial de Sabón, no concello de Arteixo, fan necesario o corte do tráfico dun treito a partir deste martes, 9 de agosto, ás 8:00h e ata o 26 deste mesmo mes.

O corte suporá unha restrición total do tráfico no tramo da avenida da Deputación, entre a glorieta da ITV e a rotonda da avenida Arsenio Iglesias.

A 300 metros do corte, colocaranse avisos con itinerarios alternativos, que derivarán os vehículos pola contorna da zona, polas perpendiculares e paralelas ao vial afectado. Tamén se manterá aberto un itinerario peonil, delimitado e balizado con barreiras.

O obxectivo do corte é garantir as condicións de seguridade dos traballadores para executar as escavacións das arquetas dos decantadores hidrodinámicos, así como as arquetas dos aliviadoiros.
Esta intervención supón movemento de terras, polo que non resulta viable executala a tráfico aberto mantendo o dobre sentido da circulación, xa que os transportes circularían demasiado preto dos noiros.
O conxunto da intervención está a avanzar a bo ritmo. Restan os traballos de estendido da capa de rodadura, prevista para executar durante a semana do 22 de agosto, e posteriormente, na semana do 29, a finalización dos traballos coa sinalización e balizamento da obra.
Actuación integral
A Xunta segue a avanzar nesta actuación, que comezou en xaneiro do pasado ano e que supón un investimento autonómico de máis de 6,3 millóns de euros.

Con esta intervención integral búscase solucionar os problemas de fluidez do tráfico que se xeran nas horas puntas nesa contorna, favorecer os movementos e facer máis cómodos e seguros os desprazamentos das persoas que cada día se achegan ao polígono.

O proxecto consiste no desdobramento dos carrís da avenida da Deputación, que pasará a ter 4 carrís en todo o trazado, entre a glorieta elevada de Sabón e a da avenida da Enerxía, onde se atopa a ITV.

No primeiro treito, entre a glorieta de Sabón e a avenida do Embalse, acometerase un carril adicional en sentido Coruña, con conexión directa ao ramal de acceso ao nivel inferior da rotonda, o que mellorará os tráficos e a fluidez dos vehículos pesados. Tamén se habilitarán beiravías, beirarrúas e unha zona con aparcadoiro en liña.

No segundo tramo, entre as avenidas do Embalse e da Moda, duplicaranse os carrís por cada sentido e dotarase a zona de aparcadoiro en liña e beirarrúa e beiravías. Ademais, executaranse muros de contención para salvar as afeccións coas parcelas existentes.

No terceiro treito, entre as avenidas da Moda e da Enerxía, duplicaranse os carrís con separación mediante mediana física, e habilitaranse en ambas marxes, beirarrúas con beiravías de 1 metro de ancho.